Fundada en 1987, a Casa Galega L’Hospitalet evolucionou firmemente no seu compromiso para coa cultura galega en Catalunya e converteuse nunha asociación dinámica en actividades e heteroxénea en idade cun portafolio asociativo constituído por máis de 400 familias.
Tras desenvolver a súa actividade en varios locais sociais, a entidade trasladou a súa vida asociativa á Masia Escorça, datada a finais do século XIX e considerada hoxe un dos edificios históricos máis emblemáticos da cidade de L’Hospitalet de Llobregat. Remodelada completamente no 2003, esta casa ofrece unhas instalacións idóneas para o satisfactorio desenvolvemento das diferentes actividades que promueve a Casa Galega así como para o progresivo incremento dos seus asociados. Neste senso, a reforma integral permitiu dispoñer de espazos polivalentes e perfectamente equipados para os ensaios dos diferentes grupos, así como dunha ampliación da biblioteca e a sala de socios, á cal se pode acudir para, entre outras actividades, xogar ás cartas, ler a prensa ou ver a televisión e escoitar música.
A danza e a música tradicional son o principal motor da Casa Galega , na que se imparten clases de senllas modalidades en varios niveis a un total de 80 alumnos. En concreto o centro sociocultural conta cunha banda integrada por 50 músicos e catro grupos de danza -pequenos, medianos, maiores e pais- que a representan en diversas mostras e certámenes de ámbito catalán e galego.
O grupo de baile de maiores viu recoñecido o seu firme traballo en diversas ocasións. Galardonado co Primeiro Premio de danza no Concurso de Música e Baile Tradicional Galego en Catalunya na súa I, III e IV edición, este grupo logrou tamén en xullo de 2004 o primeiro posto na categoría D do XV Concurso de Baile Tradicional organizado pola Asociación Xacarandaina, conseguindo con iso ser o primeiro grupo de fóra de Galicia en obter este galardón.
Desde 2.000, a banda da Casa Galega L’Hospitalet compite na Liga de Bandas de Gaitas que se celebra en Galicia. Na actualidade, a formación musical da entidade participa no primeiro grado da competición.
Tendo como eixe central o baile e a música, a Casa Galega completa a súa oferta lúdico-cultural con cursos de lingua, historia e cultura galega ademais de actividades que teñen como finalidade fomentar e estreitar a relación entre socios e alumnos. Así, ao longo do curso realízanse diferentes saídas, como a tradicional excursión á neve, e celébranse festas gastronómicas que exaltan a tradición culinaria de Galicia. O Magosto e a Festa da Empanada son as máis populares entre os socios da entidade.
No seu claro desexo de difundir a cultura e a tradición de Galicia, a Casa Galega L’Hospitalet abre as súas portas a todas aquelas persoas galegas e non galegas, interesadas en descubrir, vivir e compartir a riqueza cultural desta fermosa terra.